ZBE - Zona de
Baixas Emisións
Proposta de Zona de Tráfico Reducido (ZTR = ZBE)
As Zonas de Tráfico Reducido (ZTR) descritas neste PMUS incorporan, absorben e sobardan as zonas de baixas emisións (ZBE), que veñen prescritas na Lei 7/2021, de 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética, que recolle entre os contidos que debe ter o PMUS, no seu artigo 14.3 “Os municipios de máis de 50.000 habitantes e os territorios insulares adoptarán antes de 2023 plans de mobilidade urbana sustentable que introduzan medidas de mitigación que permitan reducir as emisións derivadas da mobilidade e incluirán, polo menos: a) O establecemento de zonas de baixas emisións antes de 2023.” As zonas de tráfico reducido establecidas neste PMUS acadan todos os seus obxectivos, e como tal engloban a ZBE.
A alternativa 3 das descritas no capítulo 10 da primeira parte deste PMUS constitúese na ZTR – ZBE de Pontevedra, en aras a incorporar os reflexos da participación cidadá que incide na extensión do calmado do centro cara aos barrios periféricos da cidade.
Incorpóranse a tal efecto, catro grandes zonas urbanas, dúas anexas que se corresponden á cidade central e ao barrio do Burgo-Lérez, e que inclúe o campus universitario, e outras dúas zonas separadas, que corresponden a Monte Porreiro e Estribela. Desta maneira, practicamente todo o tecido urbano de Pontevedra vén a estar dentro dunha ZBE, e suxeito ao obxectivo conxunto da redución de tráfico e de emisións (ZTR). Os ámbitos así delimitados suman unha superficie de 510 ha (máis de 5 M de m2), en cuxo interior están censados 62.367 habitantes, é dicir, o 75% da poboación de todo o municipio.
Nos ámbitos definidos impulsaranse as medidas de redución do tráfico que ampara o PMUS, e que terán como consecuencia, tal e como vén a demostrarse coas prácticas xa abordadas e consolidadas na parte mais central da cidade, a redución das emisións, de maneira que se poidan cumprir os obxectivos das zonas ZBE.
As delimitacións definen zonas preferentes para aplicar as medidas necesarias, no entanto, pódense exonerar de forma parcial, na execución do PMUS, determinados viarios principais, de bordo, ou viarios doutras administracións nos que non resulte posible implantar ditas medidas, en todo caso mantendo a integridade e globalidade dos obxectivos en cada zona, e sempre os obxectivos xerais que poidan demostrar a redución das emisións a que obriga a lexislación.
Achégase unha descrición gráfica das delimitacións, así como planos a escala, e un anexo coa listaxe dos vértices das delimitacións da ZTR-ZBE.